Pedras con soleira
Mais que construída, esculpida en pedra polo home. Modelada pola chuvia e polo tempo. A mesma chuvia, ben orballo, ben saraiba, que sobre a pedra acada ese cheiro tan particular, a fresco e a vello, cun aquel de pucheiro e chiscos de morriña.
Asómase a catedral, aló ao fondo da rúa; nalgures, nunha praciña ou nun soportal, un viaxeiro escrebe con agarimo e de vagar algunha carta.
Se dobras esa esquina darás co intérprete da melodía que, case sen decatarte, che fai compaña fai rato; música de arpa ou de violín. E sentas perto a tomar un café. Os rapaces da mesa do lado falan en susurros, algúns en galego ou castelán, outros en linguas extranxeiras. Unha ollada confirma as túas sospeitas: enténdense ben nesa babelia. Simpatizas ca forma de vestir, levan a roupa que lles peta, cada un a súa maneira, mais ninguén queda a mirar raro pra eles.
Ó fin, dalí a un anaco, botas a camiñar outra vez, en busca doutra rúa e doutro músico; doutro café ou doutra librería vella.
Sí, coido que sempre é unha ledicia perderse por Santiago, polo Campus Estelae desta nosa terra.